FINKY convídanos a ler o libro de MARUXA, Edit. OQO
Maruxa e Pepiño vivían na aldea.
Maruxa cosía, varría e labraba.
Pepiño cantaba, folgaba e durmía.
Mais un día...
Maruxa decide dar unha lección ao seu marido. Astuta, e cunha gran
habilidade no manexo da retranca, logrará que Pepiño tome consciencia de
que o traballo da casa está mal repartido e consegue que cambie de
actitude.
Este álbum está baseado na canción popular polaca Maryna gotuj pierogi,
unha das máis coñecidas do repertorio folclórico do país. Fixéronse
diversas versións, desde orquestras sinfónicas, a solistas, grupos de jazz, rock...
Este texto, en versos de seis sílabas, busca manter o ritmo da canción
orixinal. Do mesmo modo que a canción tradicional, a autora presenta a
historia en forma de dialogo, xa que o relato se basea, principalmente,
na rifa que inician Maruxa e o seu home, Pepiño, cando este lle pide que
faga o pan.
Na versión tradicional, Benito reclama uns pierogi, un dos
pratos típicos de Polonia (unha especie de raviolis recheos de
carne, verduras...) e a súa muller négase repetidamente, argumentando
que lle faltan, un por un, todos os ingredientes: fariña, auga, sal e
carne... Con todo, nesta versión optouse por cambiar os pierogi por pan, un alimento común a todas as culturas e que permite universalizar a historia.
As diferenzas coa canción non só se limitan ao alimento principal,
senón tamén ao final da historia. Así, a reacción violenta que manifesta
Pepiño nalgunha versión polaca cando a súa muller decide non
prepararlle finalmente a comida é substituída no álbum por unha actitude
comprensiva e de empatía cara á muller, mantendo así o ton humorístico
que caracteriza todo o relato.
Da versión inicial, a autora decidiu manter e realzar: a idea orixinal, o
sentido do humor e a estrutura acumulativa, versificada e rimada, tan
propia de contos e cantos da tradición oral. Este texto permite tamén
ser cantado a ritmo de tres por catro mantendo a música de orixe.
De igual modo, o álbum ilustrado ofrece a mesma anécdota argumental que a
canción: a protagonista di que non poder facer o pan porque lle faltan
todos os ingredientes (farina, auga, levadura e sal). Entón, decide
pedirlle ao seu home que os vaia buscar, só que, a modo de escarmento
aleccionador, vaillos pedindo un a un, co esforzo engadido que isto lle
supón a Pepiño.
El vai facendo, un a un todos os recados cada vez máis desmesurados
como o de ir buscar sal ao mar, pero sempre se atopa con que volve
faltar algo e ten que emprender unha nova e esforzada aventura para
conseguilo.
Cando por fin Maruxa ten todos os elementos, di, ironicamente, que está
moi cansa e será a el a quen lle toque, tamén, amasar o pan. Deste
xeito, a través do enxeño e do sentido do humor, consegue que Pepiño
entenda, por experiencia propia, o inxusto da situación que viviran ata
ese momento, e comprende que, tanto o traballo como o lecer, deben ser
cousa de dous. Este é o verdadeiro transfondo da historia: o cambio de
actitude de Pepiño respecto de Maruxa, que se evidencia e reforza a
través do traballo da ilustradora portuguesa Mafalda Milhões.
A artista portuguesa revela esta evolución do personaxe nas gardas,
cuberta, portadiña e páxina de créditos. Nelas, o lector atopa unha
contextualización previa e posterior á acción do texto, que realmente se
produce nun só día, tal e como indican as comidas (almorzo, xantar,
merenda e cea) e a luz das imaxes (que van desde a claridade propia do
amencer, ata o azul escuro case negro do ceo cara o fin do día).
Deste xeito, nas gardas do inicio do álbum, pódese ver a unha Maruxa
totalmente entregada ás tarefas do fogar, mentres que Pepiño, ocioso,
non colabora en absoluto. Un comportamento que se transforma
radicalmente nas gardas do final onde participa nos labores de casa e
axuda a súa muller. Na contracuberta, os dous comen felizmente o pan,
que aparece por primeira vez xa cociñado.
As ilustracións de Mafalda Milhões tamén aportan información crave dos
protagonistas. Ao caracterizalos con trazos hiperbólicos, descubrimos
con claridade cando están anoxados, tristes, tramando... De igual modo,
non faltan nas páxinas deste álbum os detalles, tan característicos na
artista lusa, que transportan o lector ao universo da cociña e a tamén a
Polonia (muíños, paisaxes e barrios típicos do país polaco). Así como a
presenza constante do canciño que os acompaña todo o conto e que acaba
sendo, dalgún modo, cómplice da situación.
Ademais, a ilustradora, buscando a complicidade do lector, decide xogar
coa descontextualización, tanto nos moitos obxectos e electrodomésticos
que podemos descubrir na casa do matrimonio (reconstrución dun fogar
tradicional, pero no que hai lavadora, ordenador...) como na propia
protagonista. Así, Maruxa, aínda que cociña e limpa, non deixa de ser
unha muller actual e moderna, que usa as novas tecnoloxías e loita polo
recoñecemento dos seus dereitos.
En todo momento, tanto o texto como a imaxe buscan comunicar unha
mensaxe onde o sentido do humor é o protagonista, á vez que pretenden
deixar un pouso para a reflexión dos pequenos lectores: saber poñernos
na pel do outro axúdanos a ver as cousas desde outra perspectiva,
empatizar cos demais e, consecuentemente, ser máis xustos e máis
solidarios.
Comentarios
Publicar un comentario